venres, 18 de decembro de 2020

TARXETAS DE NADAL

Unha tarxeta de Nadal é unha felicitación que se envía a familiares, amigos, etc. 

Por segundo ano, o alumnado do noso centro engalanou unhas bonitas tarxetas destinadas aos residentes da residencia  DomusVi de Pontepedriña. 





BO NADAL e FELIZ 2021!

CONTA ATRÁS PARA A CHEGADA DO APALPADOR

Xa só quedan uns días para que o Apalpador visite as nosas casas e seguro que tódolos nenos e tódalas nenas da Sionlla estades a esperalo con moita alegría e ilusión. 

Para facer máis levadía a espera polo Apalpador recomendámosvos que vexades o seguinte vídeo.

xoves, 12 de novembro de 2020

A HISTORIA DA CASTAÑA

 Prestade moita atención á historia que nos contan @s nen@s  de 2º. 




Seguro que aprendestes algunha curiosidade das castañas que descoñeciades. Animádevosb a compartila connosco escribindo un comentario.  

mércores, 11 de novembro de 2020

TEMPO DE MAGOSTOS.

 En novembro toca apañar as castañas para celebrar o "MAGOSTO".


E Polo magosto non pode faltar un conto moi especial "A CASTAÑA QUE REBENTOU DE RISA".
(Achegámosvos o vídeo e as láminas para ler e se queredes tamén colorear.)




venres, 30 de outubro de 2020

UN SAMAÍN DIFERENTE.

Este curso conmemoramos o Samaín dunha maneira diferente, pero moitos de vós animástesvos a participar tallando a vosa cabaza e enviándonos unha foto, para que forme parte da exposición virtual do Samaín, do ano 2020.
Grazas a todas as familias e aos alumnos e alumnas que quixestes conmemorar o Samaín coa nosa proposta.
 

BO SAMAÍN!

mércores, 28 de outubro de 2020

O SAMAÍN EN DIFERENTES LUGARES DO MUNDO

 Só quedan uns días para Samaín e por iso vos achegamos o traballo que realizastes o curso pasado sobre o Samaín en: Galicia, México, China, Irlanda, Austria, República Checa, Alemaña e Estados Unidos.



martes, 20 de outubro de 2020

ACHÉGASE O SAMAÍN...

Xa quedan poucos días para que chegue o Samaín e para celebralo queremos propoñervos unha actividade que xa realizastes cursos anteriores, TALLAR UNHA CABAZA. Cando teñades a vosa cabaza tallada, tedes que sacarvos unha foto con ela e enviala ata o día 27 de outubro ao seguinte enderezo de correo electrónico:

                                        dlasionlla@gmail.com

No correo electrónico que nos enviedes, ademais de adxuntar a foto da vosa cabaza, debedes engadir o voso nome e o curso.

Unha vez recompiladas as fotos das vosas cabazas, poderedes ver unha exposición virtual das mesmas neste blog. 

Adxuntamos unha imaxe cos pasos que vos recomendamos seguir:



DENDE A SIONLLA

CONMEMORAMOS O SAMAÍN, 

CON SENTIDIÑO!

mércores, 16 de setembro de 2020

O CURSO 2020 - 2021 XA ESTÁ EN MARCHA

 Xa estamos de volta nas aulas. Este curso vai ser moi atípico, por iso non debemos esquecer o conxunto de medidas para protexer e prever o contaxio da covid-19 e así ter unha contorna escolar saudable e segura. 


Animámosvos a estar pendentes do blog para seguir aprendendo en galego e conmemorando dalgunha maneira as celebracións propias da nosa cultura. 


domingo, 17 de maio de 2020

BO DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Hoxe 17 de maio é un día importante para Galicia. Celebramos o día das Letras Galegas.
Achegámosvos o vídeo das palabras favoritas en galego do CEIP Arquitecto Casas Novoa



Ademais Xosé Luís Méndez Ferrín escribíu unha mensaxe para vós.

venres, 15 de maio de 2020

MÁIS XOGOS DE RICARDO CARVALHO CALERO

Propoñémosvos máis actividades en liña sobre Ricardo Carvalho Calero. Buscade as actividades aconselladas para o voso nivel.

En VOCES E IMAXES o alumnado de Infantil e 1º de primaria, ten que asociar a voz coa imaxe correspondente. Para relacionar a imaxe coa voz tedes que premer na imaxe e na voz pertinente a esa imaxe para que se unan. Non esquezades deslizar a barra de desprazamento (rodeada de vermello na foto) cara abaixo para ver todas as imaxes e escoitar todos os audios.



Un MEMORY DE RICARDO CARVALHO para o alumnado de Infantil. Consiste en  procurar as imaxes iguais do homenaxeado. Este memory consta de 10 imaxes e tedes 15 intentos para conseguilo. Non esquezades deslizar a barra de desprazamento (rodeada de vermello na foto) cara abaixo para ver todas as imaxes.



O alumnado de e poderá realizar este MEMORY DE RICARDO CARVALHO que consiste en  procurar as imaxes iguais do homenaxeado. Este memory consta de 16 imaxes e tedes 15 intentos para conseguilo. Non esquezades deslizar a barra de desprazamento (rodeada de vermello na foto) cara abaixo para ver todas as imaxes.



Unha SOPA DE LETRAS para o alumnado de , , e . Nela teredes que buscar palabras relacionadas coas Letras Galegas 2020 e co seu homenaxeado. Se algunha palabra se vos resiste podedes premer na opción de "Mostrar palabra".



DITO POR CARVALHO é unha actividade destinada ao alumnado de , e . Consiste en ordear as palabras de Ricardo Carvalho para formar a frase completa que dixo el.



O alumnado de e pode comprobar todo o que sabe sobre Ricardo coa seguinte  ROLETA  DE PALABRAS. Contades con cinco minutos para completala. 


Podedes contarnos como vos foi con estas tarefas deixándonos un comentario ou escribíndonos a 
dlasionlla@gmail.com

xoves, 14 de maio de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Ata os Bolechas se animaron a dar a coñecer a Ricardo Cavalho Calero, ao que se lle adica este 2020 o Día das Letras Galegas. Os Bolechas achégannos a unha das súas obras narrativas fundamentais: SCÓRPIO.



Ademais, como todos os anos, o Seminario Galán axúdanos a coñecer máis ao homenaxeado de cada 17 de maio. Deixámosvos as súas actividades en liña e para imprimir. Elexide o material adecuado para o voso nivel. 












































mércores, 13 de maio de 2020

AS PITAS BAIXO A CHOIVA

As pitas baixo a choiva é un relato breve que narra un feito anecdótico da infancia de Ricardo. 

O neno descobre, dende a fiestra da casa, que as pitas estanse a mollar e téntaas facer entrar no galiñeiro. Elas asústanse e ao final todos os membros da familia acaban mollados como pitos, no intento de meter ás pitas no galiñeiro.

Para os máis pequenos deixámosvos unha versión deste relato adaptada. Premede para escoitala.


E para os maiores achegamos o relato orixinal de Ricardo Carvalho Calero. 



Agora que xa coñecedes o conto "As pitas baixo a choiva" suxerímosvos diferentes actividades para traballalo.

- CREAR AS PITAS DO CONTO DE RICARDO CARVALHO CALERO CON PASTA DE SAL.

Parece moi complicado, pero só tedes que poñervos "mans á masa" para facer as vosas pitas. Premede na seguinte imaxe para ver os pasos que tedes que seguir para crear as figuras das pitas. 
(Se queredes tamén podedes moldear as letras do voso nome)


Non vos esquezades de enviar unha foto vosa coas vosas pitiñas a:

dlasionlla@gmail.com


- FICHAS.
Botade unha ollada as diferentes fichas que vos propoñemos e elexide algunha para facer.



- XOGO INTERACTIVO PARA O ALUMNADO DE PRIMARIA.


Agardamos que vos gustaran estas actividades. 
Podedes deixarnos un comentario para contarnos que vos pareceron.

martes, 12 de maio de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Onte propuxémosvos un vídeo para que coñezades a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero.

Se queredes profundizar máis na súa biografía podedes visitar o blog da biblioteca. Premede BIOGRAFÍA DE RICARDO CARVALHO CALERO, para ler máis sobre o autor homenaxeado o día das nosas letras.

E para seguir traballando a vida e obra de Ricardo achegámosvos un preguntoiro musical, non perdades detalle.


Seguro que este preguntoiro musical vos vai axudar a responder as preguntas do seguinte xogo.


Se respondestes entre 8 -10 preguntas ben, ao final do xogo tedes a opción de descargar o voso diploma de expertos nas Letras Galegas 2020. Podedes enviarnos fotos cos vosos diplomas de expertos ao seguinte correo electrónico:

dlasionlla@gmail.com


Aquí vos deixamos o diploma cos datos do noso centro.


luns, 11 de maio de 2020

O AUTOR HOMENAXEADO POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS É...


Cada 17 de maio celébrase o día das LETRAS GALEGAS para homenaxear a autores destacados pola súa creación literaria en galego e pola defensa do idioma. O día non é casual, coincide coa primeira publicación da obra de Rosalía de Castro "Cantares Gallegos" publicada o 17 de maio de 1863. Cen anos despois comezou a celebrarse o día das Letras Galegas e a homenaxeada non podía ser outra que Rosalía de Castro. Dende entón, cada ano ríndese tributo a un / unha escritor/a. 

A Real Academia Galega é a encargada de decidir o autor ou autora homenaxeado/a. Debe cumplir dous requisitos: destacar pola súa creación literaria en galego e cumprirse polo menos dez anos dende o seu falecemento. 

Este ano o día das Letras Galegas adícase a RICARDO CARVALHO CALERO. 

Para coñecer a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero achegámosvos un vídeo que creou o alumnado do colexio San Pío X de Ourense. Prestade moita atención a... 
-1.) Onde naceu? 
-2.) Como aprendeu a ler? 
-3.) Que estudou na universidade? 
-4.) Onde realizou o servizo militar obrigatorio? 
-5.) Por que motivo estivo dous anos no cárcere? 
-6.) Que relación tiña co colexio Fingoi? 
-7.) Ricardo publicou a primeira obra en galego despois da guerra civil, cal é o título desta obra? 
-8.) Que conta Ricardo na obra "As pitas baixo a choiva"? 
-9.) Como se chama o libro que recolle obras teatrais? 
-10.) En que instituto de Santiago de Compostela traballou? 
-11.) En que ano publica "Gramática elemental del gallego común"? 
-12.) Que condecoración lle concederon en Ferrol?
-13.) En que ano faleceu?

 (Premede na seguinte foto para ver o vídeo.)

Animádevos a responder a algunha das cuestións que vos plantexamos. Deixade un comentario co número da pregunta seguido da resposta.

martes, 5 de maio de 2020

OS MAIOS

Hoxe traémosvos unha presentación para que vexades como o alumnado do noso colexio celebrou os MAIOS dende as súas casas.


Grazas a tod@s por participar.

mércores, 29 de abril de 2020

PROPOSTA PARA CONMEMORAR OS MAIOS

Os Maios é unha festividade de orixe celta que está relacionada coa aparición das primeiras flores da primavera. Na maioría das localidades nas que se celebra faise coincidir co primeiro domingo do mes de maio.

O Maio é unha construción vexetal con diferentes formas: pirámide, cono, pano de saco, etc. cuberto de musgo, flores, paus, froitos, herbas... que representa a vexetación que renace na primavera. Ao redor do Maio cántanse coplas adicadas á primavera ou coplas criticando ou satirizando persoas ou acontecementos do momento.







Este curso tiñamos previsto conmemorar os Maios e como non poderemos celebrar este día todos xuntos, temos unha proposta para vós.


Para facer as decoracións das vosas ventás podedes empregar os seguintes recursos, premede para velos.

DESCARGAR RECURSOS PARA DECORAR AS FIESTRAS

Ademais se vos animades a elaborar as vosas flores de papel, podedes ver os pasos a seguir no seguinte vídeo. Senón tedes folios de cores na casa, podedes darlle un toque de cor coas ceras ou lápices de cores.


martes, 28 de abril de 2020

BENVIDOS AO BLOG DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

O equipo de dinamización da lingua galega do CEIP Arquitecto Casas Novoa comeza a andaina da súa bitácora. Queremos achegar a toda a comunidade educativa recursos en galego, diferentes actividades que realizamos no centro, potenciar o coñecemento da nosa lingua, historia, cultura, tradicións, etc.

Ogallá a través desta canle consigamos fomentar o uso do galego, difundindo unha imaxe positiva da nosa linga.